segunda-feira, 27 de fevereiro de 2017

Crece o BNG, avanza Galiza

Sinatura do protocolo de integración da FOGA no BNG
O BNG encara a realización, no próximo mes de marzo, da XVI Asemblea Nacional co obxectivo de que sirva para o relanzamento do nacionalismo na sociedade galega e permita consolidar o proceso de recuperación de apoio político e de crecemento organizativo nun contexto en que o nacionalismo é máis necesario do que nunca para a sociedade galega.

Con efecto, o día a día permite constatar, mais unha vez, como só unha forza nacionalista como o BNG é capaz de colocar sempre por diante os intereses do pobo galego, dos traballadores e traballadoras do noso País, fronte ao seguidismo das direccións madrileñas que practican o conxunto das forzas españolas. Unha constatación que nos leva á necesidade de fortalecer un proxecto político que representa a ruptura desde nós co réxime deshumano e corrupto de 78 e a mudanza real para a Galiza.


As pasadas eleccións galegas, sen deixaren uns resultados plenamente satisfactorios, si supuxeron un punto de inflexión, con 120.000 galegas e galegos depositando a confianza no BNG e, o que é máis importante, confirmando con rotundidade a necesidade de que a Galiza conte con forzas políticas propias que expresen a vontade soberana do pobo galego.

Hoxe son moitas as persoas novas que se achegan ao nacionalismo porque perciben que encarna os seus soños e as súas aspiracións de mudanza, de liberdade e de prosperidade. E, consciente de que a tarefa é ardua e de que precisa de todas as mans, o BNG reafirma -faino, máis unha vez, nos relatorios da XVI Asemblea Nacional- a vontade de sumar ao proxecto todas as persoas que, de forma individual ou colectiva, se queiran incorporar ao traballo por unha Galiza soberana.

Non se trata dunha afirmación gratuíta ou puramente retórica, pois a declaración da vontade está a ser corroborada con feitos. Neste mes de xaneiro produciuse a incorporación colectiva ao BNG da Frente Obreira Galega (FOGA), partido con que xa viña habendo unha traxectoria de colaboración activa, particularmente por facer parte das coligazóns Nós-Candidatura Galega e BNG-Nós nos tres últimos procesos electorais.

A integración da FOGA fortalece a posición política da frente nacionalista e confirma o proceso de recuperación de apoio político, electoral e organizativo do BNG. De facto, na sinatura do protocolo de integración, Ana Pontón avanzou o dato de que desde as eleccións galegas foran 800 persoas as que se incorporaran ao Bloque, 500 delas como simpatizantes e 300 como militantes.

Con certeza que é inmenso o traballo que fica por diante para facer avanzar o nacionalismo até o tornar forza hexemónica na sociedade galega e o colocar con capacidade real de construír un futuro soberano, de liberdade e xustiza social, para a nosa nación. Mais tamén é claro que se está a traballar na dirección correcta, con coherencia na defensa do pobo galego e con iniciativa política e social capaz de marcar a axenda nos asuntos que interesan ao País.

O BNG marca como principal desafío da Asemblea actualizar as análises e alternativas para pór a punto o nacionalismo do século XXI. E nese camiño, unha das grandes novidades é a elaboración da Estratexia Avanza Galiza, pensada para a expansión social do nacionalismo nos próximos anos, na perspectiva da conquista da hexemonía social necesaria para que o obxectivo da soberanía poida ser, máis cedo do que tarde, unha feliz realidade.

A esa tarefa están /estamos chamadas todas as persoas que confiamos na capacidade do povo galego de se valer por si propio, que cremos que este País ten futuro e que estamos dispostas a traballar para construílo.


Sem comentários:

Enviar um comentário