domingo, 15 de outubro de 2017

Gañar o povo para a nosa causa

Fai hoxe un ano, neste mesmo espazo, afirmamos que estabamos prontos, como Partido e como militantes nacionalistas, para enfrontar todos os desafíos que viñesen por diante, por moi difíceis que fosen. Reafirmamos que o noso único compromiso é coa Galiza e co povo traballador galego e, recollendo o exemplo de Moncho Reboiras de traballo incansábel na autoorganización do povo galego proclamabamos, máis unha vez, a fidelidade á causa do povo, da soberanía e da independencia nacional á que o noso camarada entregou a súa vida.

Eran momentos especialmente complexos, mais a Unión do Povo Galego tiña claro que, a pesar das dificultades, era preciso manter o rumbo. E esa mesma convicción moveu millares de patriotas que nunca desertaron do seu compromiso coa nación. Colectivamente fixemos o que era preciso e agora comezamos a apañar os froitos dese traballo. E non hai mellor imaxe para reflectilo que unha Praza da Quintana absolutamente lotada no pasado Día da Patria, nunha mobilización histórica do BNG en prol da soberanía da Galiza. 


Unha imaxe que fala, aliás, dun nacionalismo popular, enraizado na sociedade, implicado cos problemas sociais, con capacidade de acción e de mobilización e que sabe perfectamente que é preciso conquistar a soberanía para ver realizados os nosos dereitos como nación mais tamén para podermos romper a dependencia, razón básica da situación do País, e para poder construír unha sociedade diferente, xusta igualitaria e libre.

En todo o caso, desde a satisfacción de confirmar que tomamos as decisións correctas por moi difíceis que tivesen sido, e desde o orgullo de ter contribuído activamente para o fortalecemento do movemento nacionalista, tamén somos conscientes de que serve de pouco ficar nunha autocomplacencia acrítica que só leva ao acomodamento e pode acabar por fanar os esforzos realizados. É moito o traballo que fica por facer, moitos os elementos que é preciso mellorar, no compromiso individual de cada un/ha de nós e no quefacer colectivo, para podermos continuar avanzando.

Aliás, o inimigo é moi poderoso e, infelizmente, conta entre nós con imnúmeros axentes, mesmo moitos que se proclaman adversarios e actúan, na hora da verdade, como inestimábeis valedores. Permitídeme traer aquí outra imaxe, ben diferente da colorida Praza da Quintana; esta en preto e branco e tirada hai xa 42 anos, mais de absoluta actualidade.

Naquel mes de agosto de 1975 en que o noso camarada Moncho Reboiras era asasinado pola policía do rexime español fascista nesta cidade de Ferrol, o ditador Franco pasaba as súas últimas ferias non lonxe de aquí, en Meirás, no pazo indebidamente apropiado após ser pago polo povo, forzadamente, a punta de pistola falanxista. 

Agora que se intensifica a lexítima e democrática loita para que nos devolvan o que foi roubado e para acabar coa iniquidade, a indecencia e vergoña que supón manter o resultado do espolio e da violencia contra o povo, tamén tivemos ocasión de rever unha fotografía politicamente ben significativa. Apenas 15 días antes do asasinato do Camarada Reboiras, o ditador recibía en Meirás o designado por el propio Príncipe, Juan Carlos de Borbón e a súa familia.

A foto móstranos Franco dando a man a un Felipe de Borbón aínda neno sob o beatífico ollar de seu pai, Juan Carlos. Os tres últimos xefes de Estado do rexime español. Unha imaxe que é toda unha metáfora do pecado orixinal deste rexime profundamente antidemocrático. Ou é que poderá considerarse democrático un sistema político en que o Xefe de Estado non é elixido, senón imposto, vitalicio, hereditario e exerce “pola graza de Deus” e neste caso tamén pola de Franco? 

Non pasa a proba de mínima decencia democrática un rexime que permite a existencia de organizacións e fundacións que realizan apoloxía do fascismo, do xenocidio cometido pola ditadura e que se permiten humillar as vítimas con total impunidade. E, evidentemente, non é posíbel soster o carácter democrático dun Estado que persegue o dereito democrático do voto, que inhabilita cargos públicos públicos por defender a democracia e a soberanía, fecha xornais, encarcera xornalistas e conculca a diario dereitos fundamentais como a liberdade de expresión.

Mais, para alén desta evidencia, a fotografía simboliza tamén perfectamente a continuidade no esencial dun sistema político español que, após a chamada transición, realizada á medida dos intereses da oligarquía española,  e coa Constitución de 1978, -a propósito, que contou coa inestimábel colaboración da esquerda española- viu confirmado o elemento esencial que garante esa continuidade: o seu carácter unitario e, por tanto, opresor.

Para nós,  iso significou perpetuar a dependencia pola que a Galiza pagou e continúa a pagar un alto prezo en termos sociais, económicos e políticos. Sabíamolo ben hai 40 anos e actuamos en consecuencia. O nacionalismo galego, na altura o Bloque Nacional-Popular Galego que o noso Partido conformaba coa AN-PG, avogou pola ruptura democrática para asumir o exercicio da soberanía e opuxo ao proxecto de Constitución “española e colonial” un rotundo “NON galego e popular”. Pola súa parte PSOE e PCE prestaban un inestimábel servizo á oligarquía española para manter o carácter unitario do Estado e os seus intereses e privilexios de clase. 

Mais non se trata de nos mergullarmos en leccións de historia por moito que sempre sexa necesario coñecela. Trátase de constatar como o que esa imaxe representa continúa vigorante. Aí temos o Borbón neno da fotografía como actual monarca do Reino de España e asistimos a unha crecente deriva autoritaria do rexime español que non xorde do nada, senón que está alicerzada na Constitución española que, aliás, garda aínda outros recursos coercitivos por se for preciso utilizalos contra a vontade democrática e soberana dos povos. Eis o artigo 8, que faculta a intervención do Exército para “defender a integridade territorial” de España  ou o 155, que permite actuar contra os gobernos autónomos lexitima e democraticamente constituídos. 

Estas son ameazas reais que poden marcar o período político que en breve comeza e que se perfila particularmente complexo, mais tamén con enormes potencialidades para o movemento nacionalista, pois é evidente que o debate político no conxunto do Estado vai xirar arredor da cuestión nacional. O proceso de independencia de Cataluña xera por veces no noso País dinámicas contraditorias e nós temos temos que saber atenuar as negativas derivadas da omnipresente propaganda mediática e aproveitar plenamente as positivas.

O primeiro que temos claro é que o que nos interesa é que aquí o debate se centre sobre o noso País, sobre a necesidade de superar o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana. Ese é o esforzo que vai facer o nacionalismo nos próximos meses. Explicar socialmente as razóns para a soberanía da Galiza. Cataluña vai lograr antes ou despois a súa independencia. A nosa temos que conquistala nós e só podemos facelo gañando o povo para a nosa causa.

No entanto, debemos manter, como fixo o nacionalismo até agora, unha posición clara de apoio ao referendo de autodeterminación de Cataluña. Non xa por unha cuestión de solidariedade, senón porque a loita do povo catalán é a nosa mesma loita. O adversario que temos enfrente é o mesmo e enfraquecelo é interese común. 

É máis, debemos estar preparados para enfrentar a reacción autoritaria e antidemocrática do rexime español que, amparado na Constitución, aproveita para cercear aínda máis as liberdades democráticas e os dereitos individuais e colectivos. Hoxe mesmo coñeciamos que no primeiro ano e medio da Lei da Mordaza -a principal arma xurídica que o Estado está a utilizar contra a mobilización popular- foron impostas no noso País 3.400 multas, cunha contía de 1,5 M€, polo que eles chaman infraccións de seguranza cidadá, desobediencia ou resistencia á autoridade.

En todo o caso, o que acontece en Cataluña é, en primeiro termo, unha cuestión de democracia. Unha conclusión a que podería ter chegado -mais non chegou, claramente non quixo- a chamada esquerda española se exercese de tal. Reparemos, amigas e amigos, que xa non se trata de que non asuman na práctica o dereito de autodeterminación que teoricamente din defender. É que non respectan o simples dereito democrático do voto que exprese a vontade do pobo. Non é que tivesen que ser a favor da independencia de Cataluña. Chegaba simplemente con que fosen demócratas. 

Unha verdadeira esquerda española que merecese ese nome apoiaría o proceso de emancipación das nacións oprimidas e aproveitaría o enfraquecemento político do sistema para derrubar o Estado burgués da nación opresora, aplicando, a propósito, unha vella máxima leninista sobre o dereito de autodeterminación e o verdadeiro sentido revolucionario dos movementos de liberación nacional. 

Nada diso está a acontecer. Todo o contrario, escolleron -como sempre- xogar ao chovinismo. Se na transición o PCE colaborou para a reforma que garantiu a continuidade do Estado español unitario e para a lexitimación como Xefe de Estado dos Borbóns, tamén hoxe a vella esquerda (o mesmo PCE, Izquierda Unida) ou a nova autoproclamada rupturista (Podemos) prestan un novo e impagábel servizo á oligarquía española posicionándose rotundamente contra o referendo de autodeterminación que Cataluña vai realizar no día 1 de outubro. 

Poderiamos facilmente compor unha nova imaxe, tamén significativa, con Felipe de Borbón, Raxoi, Pedro Sánchez, Albert Rivera, Pablo Iglesias e Alberto Garzón, todos eles partillando a frente contra o exercicio democrático do povo catalán e contra a independencia de Cataluña. Non imos ver esa foto, claro. Para comezar, por vergoña, mais sobre todo porque entón deixaría de ter eficacia o papel que o pretenso rupturismo está a xogar nas nacións oprimidas como primeira liña de contención do soberanismo.

Pretenso, si, pois o argumento que empregan para se xustificaren, -que non caben accións unilaterais e de que o referendo tiña de ser pactado co goberno-, alén de falaz, invalida calquera apelación futura ao rupturismo e deita por terra a credibilidade desas forzas políticas. Pode a ruptura ser pactada coa oligarquía española? Alguén é capaz de manter iso seriamente? Quen sosteña que a revolución pode ser acordada cos opresores é que renunciou definitivamente a ela. Do mesmo modo que renunciou á loita pola soberanía quen afirma que Galiza por si soa non pode conquistala e debe apoiar esa esquerda española que á hora da verdade se coloca sempre, unha e outra vez, do lado do opresor. 

Son tamén estas valiosísimas leccións que nos ofrece o debate sobre a práctica da autodetermianción e que podemos e debemos aproveitar para ir afastando o veo de confusión que aínda paira sobre unha parte de galegos e galegas que están verdadeiramente por unha mudanza real. É a oportunidade de os colocar definitivamente do noso lado. E para iso temos de continuar a traballar.

Hoxe estamos aquí para render tributo a Moncho Reboiras, un mozo que con apenas 25 anos, após un intensa militancia política e un firme compromiso persoal, deu a súa vida pola causa da liberación nacional da Galiza e do socialismo. Xa temos dito en moitas ocasións que o mellor tributo, a mellor homenaxe que podemos facer á memoria de Reboiras é seguir o seu exemplo militante. Pois ben, dous anos e dous días despois do seu asasinato era fundada a organización xuvenil do Partido, a Unión da Mocidade Galega, que sempre mantivo como referente político o exemplo do camarada Moncho. 

Corenta anos é tempo suficiente para poder facer un balanzo atinado. E é claro que a UMG -con altos e baixos, como toda formación política e como toda obra humana- cumpriu perfectamente os obxectivos marcados na fundación: o de ser escola de militancia comunista e patriótica e o de levar o nacionalismo e as posicións da UPG á mocidade galega. Moit@s camaradas que hoxe somos membros do partido formámonos e crecemos politicamente na UMG e diso nos sentimos lexitimamente orgullosos. 

Hoxe a Unión da Mocidade Galega continúa estando no bon camiño, cunha militancia crecente e moi activa. Quero parabenizar na persoa do seu Secretario Xeral, Adrián Bravo, o Comité Nacional e o conxunto da militancia polo labor desenvolvido neste últimos anos que supuxo achegar novos mozos e mozas ao nacionalismo e á militancia partidaria e contribuír de maneira decisiva para o crecemento de Galiza Nova e do nacionalismo entre a mocidade. Os mozos e mozas militantes e amig@s da UMG que hoxe estades aquí sodes a mellor garantía de continuidade do Partido e representades tamén a certeza de que máis cedo do que tarde a liberdade da Galiza será unha fecunda realidade.

Realizado este recoñecemento ao traballo feito e ben feito, cómpre enfatizar tamén que sempre -tod@s, a UMG, a UPG, o nacionalismo- podemos facer máis e mellor, debemos facer máis e mellor. E así como hai un ano nos comprometemos aquí a manter o rumbo con firmeza e cumprimos, pídovos que hoxe nos comprometamos a acrecentar o noso compromiso militante para lograrmos un movemento nacionalista máis forte, mais dinámico, máis estendido e máis activo no traballo político e na intervención social.

Como nos mostrou o camarada Moncho, cada militante deste Partido ten de ser un activista, un organizador, atento sempre ao labor de proselitismo, de debate e de combate ideolóxico. Cada militante nacionalista alí onde estea, onde viva, onde traballe, onde se relacione ten de se tornar un activo difusor da mensaxe nacionalista e das razóns que deben conducir á soberanía. 

Na organización, na capacidade de permeabilización social, de mobilización e nunha militancia activa e ben formada é onde reside a fortaleza dunha organización política revolucionaria. É esa fortaleza a que lle permite resistir nos momentos complexos e a que posibilita avanzar nos máis propicios. Foi esa a fortaleza que permitiu ao nacionalismo galego, ao BNG, aguantar, recuperar o pulso e reiniciar o medre político e organizativo. E sendo así, temos que coidala e acrecentala. É a organización, a mobilización e a imbricación na sociedade a que permite gañar apoios políticos e nesa medida tamén electorais. Esta debe ser sempre, por tanto, a nosa prioridade política. 

O nacionalismo é un proxecto colectivo, mais que se constrúe da suma dos compromisos individuais e da multiplicación do traballo militante. Debemos acertar colectivamente nas análises e nas propostas, mais tamén aproveitar ao máximo o enorme potencial político de moitas mans e de moitas voces traballando cada día no seo do povo, convencendo, concienciando, mobilizando, organizando. Aí estaremos, como sempre, as mulleres e homes da Unión do Povo Galego, as mozas e mozos da Unión da Mocidade Galega, conscientes de que a vitoria só é posíbel co inmenso amor que temos a este noso País, coa firmeza nas conviccións e coa constancia e o empeño no traballo político que é preciso desenvolver. Adiante!


Texto do discurso pronunciado no acto de tributo da UPG a Moncho Reboiras (Ferrol, 12-08-2017) 

Sem comentários:

Enviar um comentário