terça-feira, 30 de janeiro de 2018

Decidirmos nós para vivirmos mellor

Cando o nacionalismo defende a soberanía nacional da Galiza non o fai apenas por unha cuestión ideolóxica, senón tamén de lóxica. Trátase de ver como podemos progresar como povo, como podemos alcanzar unha sociedade máis xusta e vivir mellor. E para iso o primeiro que debemos facer é avaliar se agora estamos ben ou, no mínimo, se imos mellorando adecuadamente. Se chegarmos á conclusión de que estamos no bon camiño, o lóxico é persistir nas políticas actuais e manter o status do País. No entanto, se avaliarmos que a sociedade galega está a ver aumentar os problemas sociais e económicos e a Galiza a perder posicións en relación cos países da súa área, entón a lóxica indica que debemos mudar, quer as políticas quer -sobre todo- o marco político en que estamos inseridos.

E, sinceramente, creo que é fácil percibir que o noso País non avanza, que a sociedade galega se enfrenta cada vez a máis problemas e a máis dificultades. E non estou a falar apenas da cuestión identitaria, aínda que a situación da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa capacidade política como nación sexan realmente preocupantes. Aí está, por exemplo, o grave problema demográfico que padecemos, que parte de causas de carácter político e económico que provocan falta de oportunidades laborais e de vida digna no noso País.


Mais poderiamos continuar. Ao avellentamento e a emigración teriamos que sumar unha elevada taxa de desemprego, emprego precario, limitacións á capacidade produtiva en sectores básicos como o agro-gandeiro, o pesqueiro ou o naval, servizos públicos como a sanidade en franco proceso de deterioramento e privatización...

Cabe lembrar que na Galiza temos dos salarios máis baixos do Estado (acima dos 200 € menos que a media e 500 menos que Madrid ou País Basco) e tamén das pensións máis baixas (179 € menos que a media e 371 menos que Madrid, por exemplo) mais debemos pagar os carburantes ou as portaxes das autoestradas máis caras. Cando interesa política ou economicamente semella, no entanto, que non pode haber diferenzas de prezos e tamén entón a Galiza sae prexudicada. Aí está senón o caso paradigmático da tarifa eléctrica.

Galiza produce enerxía eléctrica e exporta a excedentaria. Porén, pagamos a mesma tarifa que en Madrid. É claro que unha tarifa eléctrica galega máis baixa beneficiaría non só as familias senón tamén as pequenas e medias empresas que acharían aí un diferencial importante para seren máis competitivas. O BNG leva anos propondo isto e sempre chocou coa negativa do Partido Popular. Feixoo chegou a dicir que “os españois non o entenderían”. E iso a pesar de que xa a ten o País Basco. Mais parece que “entenden” que teñamos menos ingresos.

Para alén de denunciarmos o poder omnímodo das grandes empresas eléctricas que na práctica marcan as regras e os prezos, como galegos e galegas tamén debemos cuestionar por que temos que pagar na nosa tarifa os custos de transporte até Madrid cando xa pagamos os custos ambientais da produción, particularmente nas térmicas e hidroeléctricas. Para redondear o agravio, as empresas que contaminan aquí pagan os seus impostos en Madrid. Endesa, por exemplo, non paga nada na Galiza e tributa en Madrid cada ano sobre 300 ME, onde nin produce nin contamina.

E non é o único caso, claro. De facto iso agrava o xa de por si enorme problema do actual sistema de financiamento, que fai que a Galiza perda anualmente por volta de 3.000 millóns de euros. Non é unha cantidade pequena. Pensemos que o orzamento galego para 2018 ascende a 9.487 ME, de modo que a recuperación do que perdemos suporía un incremento superior a 30%.

Entón, o problema son as políticas do Partido Popular? Tamén, mais non só. As causas profundas temos que achalas na situación de dependencia política do noso País, que o impide de poder decidir por si en función dos propios intereses. O modelo constitucional e estatutario non serve para podermos resolver os problemas da Galiza. Contra o tópico interesado, non vivimos da caridade de ninguén, senón do propio esforzo e do noso traballo. Mais iso non será suficiente para avanzar en tanto outros decidan por nós, en Madrid ou en Bruxelas.

Precisamos de soberanía. E non só, como dicía, porque somos unha nación, o que xa sería suficiente. Ao cabo, o dereito de autodeterminación é un dereito democrático recoñecido internacionalmente pola ONU para todos os povos do mundo. Precisamos de soberanía porque decidirmos nós sobre o noso é a condición imprescindíbel para vivirmos mellor. Cuestión de lóxica.

Artigo publicado orixinalmente no xornal A NOVA PENEIRA. Xaneiro de 2018


Sem comentários:

Enviar um comentário

1964, a faísca que acendeu a chama da nosa liberdade

A Bautista Álvarez, fundador da UPG.  Sempre na nosa memoria . “Da faísca xurdirá a chama” , rezaba o lema do xornal clandestino que...