domingo, 8 de abril de 2018

1964, a faísca que acendeu a chama da nosa liberdade

A Bautista Álvarez, fundador da UPG.
 Sempre na nosa memoria.

“Da faísca xurdirá a chama”, rezaba o lema do xornal clandestino que Lenin fundara en 1900, Iskra (A faísca). Como voceiro dos marxistas revolucionarios rusos, Iskra mantívose pouco máis de dous anos sob a dirección leninista, mais nese tempo foi fundamental o seu papel como “organizador colectivo” -en expresión do propio Lenin-, na expansión do POSDR e na súa orientación revolucionaria estabelecida pola maioría (“bolxevique”). E apenas 17 anos após a fundación do Iskra, a faísca tiña acendido con tal forza a chama que permitiu a primeira revolución socialista vitoriosa do mundo, a Revolución de Outubro.

A vitoria revolucionaria na Rusia zarista abalou os reximes políticos occidentais e as conciencias dos traballadores e traballadoras en todo o mundo e, sob o seu impulso fortaleceuse o movemento operario e revolucionario por toda a parte. Faltou, no entanto, -e apesar da lúcida posición de Lenin ao respecto- ser capaz de valorizar adecuadamente, para aproveitar as sinerxias, a potencialidade revolucionaria do outro grande movemento que na altura percorría Europa e o mundo, o das nacións oprimidas que loitaban pola súa liberdade. É verdade que grazas ao impulso inicial leninista ao respecto dos dereitos das nacións, a III Internacional virá a recoñecer Galiza como nación. Con todo, ese feito nunca implicou por parte da Internacional -quer dicir, do partido español que facía parte dela- moito máis do que o recoñecemento formal, nunca pasou a barreira da auto-organización nin moito menos do traballo práctico en prol do exercicio do dereito de autodeterminación.

Na Galiza, por tanto, a loita pola emancipación nacional e a loita de clases de orientación marxista seguiron durante moito tempo traxectorias paralelas, con encontros puntuais, colaborando cando foi preciso, mais sen chegaren a se producir verdadeiras sinerxias e menos aínda un labor de síntese e integración. Non será até os anos 60 ou -por sermos máis exactos- até comezos da década de 70 que esa síntese se irá producir da man da UPG.

Na altura de 1964, a chama que con moito esforzo acendera o movemento patriótico -do Provincialismo ás Irmandades; do Partido Galeguista ao Castelao do exilio e do Sempre en Galiza- estaba practicamente extinta após a deserción do piñeirismo. A fundación da Unión do Povo Galego nese ano foi a faísca necesaria que reavivou o movemento nacionalista. E fíxoo ademais coa consistencia dunha ferramenta ideolóxica e de análise que daría unha nova perspectiva á loita pola liberdade do povo galego. Non só representou a recuperación do nacionalismo organizado con vontade de actuación política mais tamén a conxunción por vez primeira de forma coherente na historia da Galiza de patriotismo e marxismo, ou o que é o mesmo: a aparición de nacionalismo popular, de matriz anti-imperialista e orientado indubidabelmente para a conquista da soberanía nacional a camiño do socialismo.

Cando en 1977 decorre o I Congreso da UPG, despois de 13 anos de existencia e actividade política moi intensa -mais apenas tres ou catro após a consolidación da orientación marxista-leninista-, o Partido entende que é o momento de deixar estabelecida a “teoría organizativa” e de sistematizar a alternativa política que representa. Mais tamén de reflexionar sobre a propia historia para que as ensinanzas que de aí se puideren tirar sobre o proceso de maduración e fortalecemento orgánico, ideolóxico e político do Partido puidesen resultar esclarecedoras.

Pois ben, seguindo o fío desa reflexión crítica sobre a propia conformación e traxectoria da UPG e das Teses dese Primeiro Congreso, poderemos entender mellor o proceso de converxencia de nacionalismo e marxismo. De facto, saliéntase precisamente que o primeiro grande traballo foi procurar as conexións do nacionalismo popular e a súa xustificación desde unha perspectiva marxista. “Nunha palabra, como vencellar Castelao con Marx e Lenin1”. Non por acaso se buscou esta conexión e tamén non resultou fácil. A necesidade inicial de cubrir o amplo campo que representa o baleiro político e organizativo deixado pola desaparición do Partido Galeguista axuda a entender as contradicións iniciais e a tensión vivida entre a concepción como frente nacionalista ou como partido revolucionario. A decantación progresiva como organización marxista-leninista será demorada e estará en relación directa coa irrupción da clase obreira galega como forza combativa no final da década de 60 e comezo da de 70 e coa implicación nas loitas operarias e nas folgas de 1972 en Ferrol e Vigo.

“Como consecuencia directa das folgas do 72 (…) perfílase máis claramente a política obreira do noso partido e defínense as líneas teóricas do problema nacional dende unha perspectiva marxista-leninista. Queremos lembrar a tarefa incansable do noso compañeiro MONCHO REBOIRAS para dotar ao noso partido de política obreira e sindical (…) A definición de Galicia como unha colonia e a xustificación deste prantexamento dará unha dimensión nova do problema nacional, reforzando a práctica revolucionaria e anti-imperialista do noso partido2”.

O proceso de asentamento político e ideolóxico como partido marxista-leninista teríase producido realmente de forma definitiva nos dous anos posteriores ás grandes mobilizacións obreiras de 1972, que son tamén anos de medre organizativo, de crecente influencia no mundo operario e de conformación dos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista. Non foi, como a propia UPG admite, un proceso fácil nin exento de contradicións, mais o resultado acabaría marcando non apenas o Partido senón toda unha concepción da Galiza e do nacionalismo.

“Pesie a todal-as contradicións iniciáis, a lucidez do proiecto, froito da presión dunha realidade histórica ineludíbel, a vontade sinceira de se poñer ao servizo das masas e baixo a súa inspiración, en suma, a congruencia da UPG coa realidade histórica do noso tempo, tal e como se reflexa na realidade galega, esplican o desenvolvemento do noso partido e os seus ésitos na progresiva implantación proletaria e incidencia popular. A UPG siñifica o análise científico e a intervención social sistemática na nosa realidade que ningún partido marxista estatal tiña feito; siñifica, ademais, a restauración da liña político-orgaizativa do nacionalismo popular, precisando a súa teoría e a súa prasis desde a perspectiva de que a liberación nacional e a loita de clases non están disociadas na etapa do capitalismo imperialista3”.

Con todo, e a pesar de que -como recoñece autocriticamente-, no proceso de asentamento como partido comunista tivese pasado por etapas de certo “doutrinarismo”, a UPG nunca empregou o marxismo-leninismo de forma dogmática. Entendeuno sempre como un instrumento de análise política e de guía para a acción. Foi a análise da realidade galega desde unha perspectiva marxista que permitiu, como dixemos, unha nova orientación ao nacionalismo galego. Hai que partir de que a UPG como organización política é filla do seu tempo, e a década de 60 é a da eclosión dos movementos anti-imperialistas e de liberación nacional por toda a parte. Porén, e dando por sentado o lóxico influxo que poderían ter exercido, é verdade que a UPG nace da mesma pulsión patriótica que alimentara o despertar da Galiza como nación, nun longo percurso que arranca a mediados do século XIX e que se consolida entre os anos 1916 e 1936 coas Irmandades da Fala e o Partido Galeguista. No entanto, sen renegar desa herdanza política, analízaa de maneira crítica, particularmente pola súa concepción da nación “como un fenómeno 'natural', físico, non como un fenómeno histórico, de clase4” e en consecuencia, por manter unha posición idealista e ambigua que dificultaba incorporar ao proxecto nacional as clases traballadoras galegas.

Aínda así, a UPG valoriza o facto de existir no Partido Galeguista unha corrente “popular e de esquerdas (línea que representaría Castelao) que tentou concretizar o problema nacional nas clases traballadoras e intuíu deica qué punto era importante a participación da clase obreira no movemento nacionalista5”. Porén, analiza que unha das grandes dificultades estivo en que o Partido Galeguista non tivo nunca unha base de masas, facto que facilitaría a dicotomía na Galiza dos anos trinta entre o “obreirismo españolista6”, con forte implantación no mundo do traballo e o “culturalismo pequeno-burgués da corrente galeguista7”. O Partido conclúe que só será posíbel superar esa dicotomía cun nacionalismo popular, imbricado na clase obreira e nas clases populares galegas. “É a síntese que vai encetar a UPG8”.


Como partido comunista, a UPG séntese parte do movemento revolucionario internacional, da ampla corrente transformadora mundial que arranca co triunfo da Revolución de Outubro. Mais, tamén aquí, cunha visión non dogmática que expresamente evitou sempre un posicionamento de confesionalidade en relación coas diferentes correntes asociadas aos estados socialistas existentes. Aliás, polo momento en que nace e a evidente matriz nacionalista, desde o recoñecemento do papel trasformador e revolucionario que continuaba a xogar a Unión Soviética e o bloque socialista europeo, a UPG séntese sen dúbida máis próxima dos movementos de liberación nacional do terceiro mundo que son xa resultado da síntese entre socialismo e nacionalismo anti-imperialista:

“O proletariado e todal-as clases populares galegas non están sóios nesta loita. Dende que no ano 1917 a revolución soviética permitiu crear o Primero Estado socialista, a ampliación do campo socialista coñecéu un constante progreso, ao que veñen engadirse as loitas de liberación nacional dos países asoballados (xa trunfantes en moitos casos e, noutros, camiño do trunfo), este é o grande campo anti-imperialista9”.

Cabe lembrar que apenas 5 anos antes da fundación da UPG viña de triunfar a revolución cubana que, para alén dunha revolta popular pola liberdade e a democracia -despois orientada ao socialismo-, constituíu tamén un movemento patriótico e anti-imperialista que buscaba restaurar a asegurar a soberanía nacional dunha Cuba sometida por completo ao dominio norteamericano. Esa dupla vertente marcou, con certeza, moitos movementos populares e forzas revolucionarias na América Latina, mais influíu igualmente nas loitas pola liberdade noutras partes do mundo. Sen dúbida, tamén nun nacionalismo galego que na altura precisaba de se reorganizar e fortalecer para a loita contra a ditadura franquista e pola propia soberanía.

Á revolución cubana seguiron outros movementos de liberación na África e na Ásia. Practicamente todos eles nutriron a loita anti-imperialista coa teoría marxista, cando non marxista-leninista, e cunha práctica revolucionaria. Particularmente impactante polo cariz patriótico e anticolonial e, ao mesmo tempo, polo forte simbolismo anti-imperialista que chegou a alcanzar no contexto internacional, foi a loita do povo vietnamita, dirixida por Ho Chi Minh e o Partido Comunista do Vietnam. O rexurdimento nacionalista, que tiña raíces profundas na traxectoria de loita patriótica anterior á guerra, achou nesas experiencias revolucionarias materia de inspiración que casaba ben coa propia tradición ao mesmo tempo que incorporaba novas ferramentas de análise e acción política nunha perspectiva patriótica e anti-colonial.

Desde este punto de vista, como Partido comunista patriótico, a UPG é filla da segunda grande vaga revolucionaria que arranca co triunfo da revolución chinesa en 1949 e que ten en Cuba, Indochina ou as independencias africanas as súas referencias máis directas. Con todo, se nunca foi confesional de ningún estado socialista, tamén non se deixou arrastrar por ningunha clase de mimetismo en relación aos movementos de liberación do terceiro mundo. Na análise da realidade galega non esqueceu nunca que se trataba dun modelo colonial específico e, en consecuencia, impulsou no continente europeo as alianzas con nacións que do punto de vista social e político puideren resultar máis homologábeis. Dese impulso xurdiu, por exemplo, a primeira “Declaración sobre o colonialismo en Europa Occidental” e a Carta de Brest, asinadas conxuntamente coa UDB bretoa e o Movemento Republicano Irlandés, (Sinn Fein/IRA) e á que posteriormente adherirían outras nacións sen estado de Europa.

Precisamente, o grande contributo teórico-práctico da UPG foi a análise -por primeira vez directamente relacionada coa praxe política- da Galiza como unha nación colonizada, entendendo que as relacións específicas de dependencia determinan que a formación económico-social galega, “ao servicio do modo de produción capitalista do Estado Español e en xeneral, ao servicio das formacións sociais imperialistas europeas, industrializadas e cun capitalismo monopolista desenvolvido10”, cumpre a función de subministradora de forza de traballo, enerxía, materias primas sen transformar, e capital.

“Precisamente, unha situación que se caracteriza a nivel económico polo subdesenvolvemento, pola dependencia, pola desarticulación da súa economía cara ao esterior, por non ter un proceso autoxenerado; a nivel social por non ter unha clase dominante autóctona; a nivel político por non autogobernarse e non ter independencia política; a nivel cultural por ter a súa língoa e cultura nacionais sin normalizar, asoballadas, é unha situación colonial. Polo tanto, nos aspectos fundamentais o noso país é unha colonia, aínda que algúns dos seus rasgos non señan os mesmos que os das situacións coloniáis típicas (os mesmo dereitos políticos xeralizados, continuidade xeográfica, prosimidade cultural e histórica, etc...)11”.

Esta análise tamén determinará, aliás, as formas de loita e moi particularmente a proposta de articular unha alianza de clases para a liberación nacional, que acabaría frutificando politicamente na articulación dunha frente patriótica: Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) en 1975; Bloque Nacionalista Galego (BNG) en 1982:

“A UPG sabe que a comunidade de intreses do proletariado galego cos labregos e mariñeiros i, en xeral, con tódalas camadas populares galegas, vai alén dunha alianza coiuntural, porque o feito da común esplotación de tódalas camadas populares galegas identifícaas na súa loita frente ao enemigo común e principal: o imperialismo español. Por todo esto, a UPG considera a revolución nacional-popular como a primeira etapa da revolución socialista en Galicia12”.

A consolidación do frentismo, particularmente a partir da fundación do BNG, posibilitou unha importante expansión e asentamento do nacionalismo na sociedade galega. Aquela pequena faísca que aparece en 1964 está na orixe dun nacionalismo popular que xa ten conseguido que a chama da nosa liberdade brille agora coa forza suficiente como para poder albiscar no horizonte do noso País o obxectivo da nosa independencia, dunha Galiza libre e socialista.

_______________________

NOTAS


1 UPG. Primeiro Congreso. Edicións Terra e Tempo, 1977. Pax. 6

2 Op. cit., pax 7

3 Op. cit., pax 19

4 Op. cit., pax 17

5 Op. cit., pax 18

6 Op. cit., pax 18

7 Op. cit., pax 18

8 Op. cit., pax 18

9 Op. cit., pax 29

10 Op. cit., pax 20

11 Op. cit., pax 28

12 Op. cit., pax 29


Sem comentários:

Enviar um comentário

Soberanía é democracia

É enormemente alentador o grao de resposta popular, impulsado polo feminismo, á indecente sentenza do caso da 'Manada'. E non a...